O Ecumenismo, hoxe

O papa Francisco, con feitos e palabras está dando pulo ao ecumenismo. Ten formas inesperadas para buscar a unión dos cristiáns, sexan da Ortodoxia, sexan da Reforma.

Velaquí uns feitos. Reúnese en Cuba co patriarca de Moscova, e firman un texto manifestando a necesidade da unión.

O patriarca de todas as Rusias (tal é o seu título) reúne máis fieis e territorio ca os outros trece patriarcas ortodoxos.

Con motivo dos 500 anos da Reforma emprendida por Lutero, o papa Francisco viaxa a Suecia para reunirse cos representantes do mundo protestante. Alí acollido de forma sorprendente, falan da unión necesaria. Lutero non buscaba romper a Igrexa, senón reformala . Por outra parte, recoñecida é a necesidade de reformar a Igrexa no século XVI.

Coa celebración da festa de S. Andrés (30 de novembro) o papa Francisco felicita ao patriarca de Constantinopla. Sabido é que para os ortodoxos o apóstolo S. Andrés, é semellante ao S. Pedro nos católicos. O patriarca de Constantinopla ten un primado de honor (non de xurisdicción) sobre os demais patriarcas da ortodoxia.

Xoán XXIII tivo o acerto de devolver a reliquia que había no museo do Vaticano (o cráneo de S. Andrés) ao patriarca de Atenas. Xesto que supuxo aproximación e xenerosidade co mundo da ortodoxia cristiá.

As palabras de Francisco teñen unha expresión nova cando fala cos xerarcas non católicos. Así o papa fala de temos que buscar a unión, non se trata dunha absorción pola Igrexa católica… Polo tanto, a obriga é para todos, pois todos teñen as nosas faltas no proceso de ruptura do cristianismo.

Así pois, a caridade mutua é a vía para o achegamento, o diálogo, a aproximación. O novo ecumenismo é perdón e caridade. Todos estamos obrigados.

Xosé Pumar Gándara